Palestra do Dia das Letras Galegas 2017 (fotos e textos)

Dia das Letras Galegas 2017
14 de maio de 2017
retablo (1973-1977)
Do galego ao português (e vice-versa)
25 de maio de 2017

Palestra do Dia das Letras Galegas 2017 (fotos e textos)

20170518_142433

18581805_2025496610924033_7581645791681697843_n

20170518_142420

No dia 18 de maio de 2017, às 14h na sala 218-C do Instituto de Letras da UFF a professora Lucía Sande ministrou uma aula-palestra sobre o autor homenageado este ano, o escritor Carlos Casares.

Um dos textos de Carlos Casares analisados foi o conto infantil “A galiña azul”:

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.

É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.

Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregase a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa un veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, a galiña vana matar.

O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os xornais, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque, segundo Manolito Listón, unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá no é unha galiña como é debido.

O caso é que o pobo anda todo alborotado e o pobre Lorenzo non levanta cabeza.

Antes paseaba todo contento coa súa galiña pola rúa, pero agora está na casa e algúns din que a galiña a ten disfrazada de branco para que non lla coñezan. Pero de certo, pouco se sabe.

Eu non sei que vai pasar, porque os veciños están de parte de Lorenzo e da galiña. Non teñas pena, que xa che contarei en que queda isto.

Lorenzo encárgame que che dea lembranzas del e da súa galiña azul…

…Sabes que se arranxou o asunto da galiña azul de Lorenzo?

Verás. O día aquel que che escribín contándoche todo, resulta que a iso das cinco da tarde chegaron os gardas a buscar a galiña azul, de parte de Manolito Listón. Ía moito sol e podía ser un día ben ledo se non fose pola pena que tiñamos todos.

A xente congregouse diante da casa de Lorenzo. Habería para aí máis de mil persoas. Eu tamén fun.

A que non adiviñas o que pasou? Pois o día anterior alguén discorreu que a mellor maneira de arranxar as cousas sería tinguir de azul todas as galiñas do lugar, pintándolles de vermello cinco plumas da á dereita e despois soltalas arredor da galiña azul de Lorenzo. como nós non temos galiñas na casa, eu fun mercar unha á feira de Allariz e tinguina de azul tamén.

Cando chegaron os gardas, atoparon tanta galiña igual que non sabían cal era a de Lorenzo.

Só houbo un pequeno despiste. Foi cousa de Leoncio, que se trabucou e apareceu cunha galiña pintada de vermello. Cando lla viron os gardas, queríanlla matar. Se o vises escapar coa súa galiña debaixo do brazo e berrando: “Para gustos fixéronse colores!”.

Agora o Manolito Listón di que cando chova todo se vai arranxar, que as galiñas han perder o tinte e que entón, xa veremos… Pero polo de agora vai moita calor e temos o verán enteiro por diante.

De momento, Lorenzo anda amestrando a galiña para que, ao menos en público, aprenda a dicir cacaracá en vez de cocorocó.

Claro que a xente do lugar ten un contrasinal para coñecer a verdadeira galiña azul. Xa cho direi cando veñas.

Mañá voume de viaxe. Cando volva, seguireiche contando historias, que por aquí sempre hai algo que contar.

Fonte: Banco de Textos

20170518_142433

Também foi lido e comentado o primeiro conto de Vento Ferido (1967), “O xogo da guerra”:

Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: “Vai”. Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. “Vai”, dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo así como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei: “escapo para a casa e xa está”. Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas. Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei: -¡Zalo…! Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar: -¡Zalo..! Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: “¿Que pasa!? Eu díxenlle: “O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a colección”. O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, como lle sabía dar co gusto á xente. -¿Onde está o Rata? -No campo da Bomba. Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañándose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle: “Hola, “¿Queres a bolboreta?”. O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. “Non se chora”, dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. “Veña”. Díxenlle que non. “Mira, Rafael, que te imos atar a ti”. “Non”, “Mira, Rafael, que non me enchas”. “Mira Rafael…” Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: “¡Máis!” E eu non vía. E daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. “¡Máis!” Doíame o brazo de tanto subir e baixar. “¡Máis!” Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que me tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei. Agora estou neste colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai que xogar. Tampouco se pode andar de dous en dous. A puta que os pariu a todos. Eu quero andar só para pensar. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao frontón. Gústame xogar no lavabo. E non se pode. Está prohibido. Pero polas noites, cando todos dormen, érgome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Polo día collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha palliña e afogan. É a guerra. Un día colléronme e leváronme á sala de castigos. E chamáronme marrán por andar coas moscas nas mans. ¿E que? Se non fose pola guerra, podrecía de noxo. No inverno, como non había moscas, xogaba cos cachiños de papel, pero non é tan bonito. Para xullo din que saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bo. ¡Ai, Rata! Estache bo. Heino arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bo ¡Ai, Rata! “¿Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “¿Xogamos aos submarinos?” El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.

Fonte: Biblioteca Xelmírez

18527703_2025496387590722_5124324255393681487_n